Thursday 02 de May de 2024

Os xulgados de preferentes funcionarán ata finais de ano para acabar de resolver todos os procedementos en marcha


Actualmente hai rexistrados un total de 4.444 asuntos, dos cales xa se resolveron máis do 90 por cento a través de sentencias, acordos das partes ou outros motivos

A Xunta prorroga o traballo dos xulgados exclusivos de preferentes de Vigo e A Coruña ata finais de ano para que poidan acabar de resolver os procedementos en marcha. Así o anunciou esta mañá o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, nunha visita ao xulgado olívico, na que estivo acompañado da delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, e o xuíz decano, Germán Serrano.

Segundo lembrou Martín, o pasado 9 de xuño a Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa acordara que a data límite para o ingreso de novos asuntos sería o 30 de xuño e que os xulgados bis continuarían a traballar tres meses máis. A piques de cumprirse o prazo decidiuse prorrogalo ata finais do ano para acabar de resolver os procedementos en marcha.

Ademais desta ampliación do prazo, o responsable de Xustiza da Xunta tamén anunciou que se reforzará cun funcionario o servizo de rexistro, pola novidade que agora todos os escritos dirixidos aos xulgados, de calquera das xurisdicións, se rexistran de xeito telemático nun único punto: o Servizo de Rexistro e Reparto, dependente do Decanato.

Máis de 4.00 asuntos relacionados coas preferentes
Actualmente hai rexistrados un total de 4.444 asuntos, dos cales xa están rematados 4.031 e só quedan pendentes 413. É dicir, o 91 por cento dos asuntos que ingresaron nestes xulgados de preferentes xa están resoltos, ben a través de sentencias, ben por acordo das partes ou por outros motivos.

Os xulgados exclusivos en materia de preferentes e débeda subordinada de Vigo e A Coruña entraron en funcionamento o 2 de setembro de 2013 e dende entón rexistraron máis de 4.400 asuntos, permitindo axilizar os procedementos.

A súa posta en marcha supuxo un importante investimento -máis de 650.000 euros- en mobiliario e infraestrutura, así como en reforzo de persoal. Trátase dunha máis das medidas habilitadas para apoiar aos afectados por preferentes, coma a posibilidade de presentación telemática das demandas.